Friday 19 de April de 2024

Pontedeume e Betanzos acollen as sesións prácticas do curso de camareiro/a de pisos, da Asociación de Concellos do Camiño Inglés


Trátase da primeira sesión formativa impartida a establecementos adheridos á Rede Stelar e busca mellorar a calidade do servizo que se lles presta aos peregrinos

As instalacións do Hotel Montebreamo (Pontedeume) e do Hostal Pórtico (Betanzos) acolleron este luns e martes a formación práctica do curso “Rexeduría de pisos: gobernanta, camareiros/as de pisos e técnicas de limpeza en aloxamentos”, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña. Unha formación gratuíta dirixida aos establecementos que prestan servizo de aloxamento aos peregrinos e están incluídos na Rede Stelar, unha rede de locais turísticos que aposta pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino no Camiño Inglés.

As sesións prácticas foron impartidas por Beatriz Nieto, profesional con máis de 20 anos de experiencia como gobernanta e subgobernanta de aloxamentos turísticos. Durante unhas catro horas, Beatriz Nieto procedeu á limpeza das habitacións dos respectivos hoteis de Pontedeume e Betanzos, aproveitando para ir explicando os procedementos de limpeza e ofrecendo consellos moi útiles á hora de levar a cabo o labor.

Así, o alumnado recibiu consellos de todo tipo dende o uniforme a empregar (sen costuras nin botóns, non pegado ao corpo e preferiblemente branco para evitar manchas de lixivia) como á hora de optimizar o tempo e os recursos ao facer as camas, limpar o baño ou quitarlle o po aos mobles. Ademais, Beatriz Nieto aproveitou para explicarlles aspectos de prevención de riscos laborais, dende técnicas e posturas para facer o seu traballo sen danar a columna a pequenos consellos doados de aplicar como, por exemplo, dispoñer dun cesto con asa para levar os produtos de limpeza e non un pequeno caldeiro.

A Rede Stelar é un proxecto promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña, para conformar unha rede de establecementos turísticos en cada municipio polo que pasa esta ruta Xacobea. Uns locais que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino, polo que cumpren cunha serie de requisitos relacionados coa sustentabilidade, o emprego de produtos agroalimentarios e pesqueiros quilómetro cero, a calidade no servizo… Nesta primeira fase participan 30 establecementos do sector da restauración e o aloxamento, se ben dende a Asociación traballan para abrir a Rede Stelar a empresas de ocio e tempo libre, turismo náutico, artesanía…

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está constituída por dezaseis municipios polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.